O Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX) é unha moderna infraestrutura situada nas antigas fábricas de fariñas construídas polo francés Juan Lestache en 1775, rehabilitadas e recuperadas para a cidadanía polo Concello de Narón.
O conxunto, que comprende os antigos muíños, almacéns de gran e fariñas e vivenda do propietario, acolle hoxe en día unha institución orientada a divulgar a apaixonante historia dunha das industrias máis puxantes do país no seu tempo. A súa moderna exposición conta con todos os elementos precisos para facer da visita unha experiencia divertida e inesquecible. Ao longo das súas salas poderemos ver unha restauración completa da maquinaria dos muíños, aprenderemos a evolución das técnicas de moenda no tempo a través de maquetas, coñeceremos como era unha xornada de traballo nun muíño do século XVIII e achegarémonos á vida de Lestache, o emprendedor que creou un auténtico emporio industrial e comercial, cuxa rede de intercambios se estendía por Europa e América.
O centro de interpretación contén un discurso e material didáctico amable, de doada interpretación para todas as idades. Para acadar este obxectivo o CIMIX conta con variados recursos como audiovisuais, elementos táctiles e interactivos, xogos e maquetas.
A recuperación do patrimonio etnográfico, cultural, arquitectónico e histórico é de especial relevancia para o desenvolvemento turístico dun territorio. Por este motivo o Concello de Narón iniciou a recuperación dos muíños industriais de Xuvia coa compra da propiedade do inmoble. Este proceso tivo lugar entre os anos 2002 e 2009 cando finalmente pasou a ser de titularidade municipal. No ano 2010 acometéronse unhas obras de vital importancia de cara a frear a súa deterioración, como foi a recuperación e rehabilitación da cuberta. Posteriormente elaborouse un ambicioso proxecto de recuperación e rehabilitación integral do conxunto de edificios, de recuperación das moendas e de museografía para convertelo no actual centro de interpretación.

Mais unha actuación de tal envergadura precisaba dun financiamento importante para a súa materialización. Precisamente, coa ollada posta na procura destes recursos, o Concello de Narón presentou o proxecto á convocatoria de fondos europeos a través do Programa operativo plurirrexional de España FEDER 2014-2020, acadando tamén a colaboración económica da Deputación da Coruña, para que hoxe poidamos gozar deste marabilloso e único Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia.
Os traballos orientáronse a devolver a aparencia orixinal da arquitectura coa colocación dos teitos e o lucido dos muros, que se fora perdendo progresivamente tal como mostran algunhas fotografías antigas.

No interior acometeuse tamén unha restauración completa das moas e as maquinarias cos seus tremiñados, moegas e rodicios habilitados para funcionar como en tempos do mesmo Lestache e acondicionáronse o resto dos espazos de cara a acoller as funcións de recepción, exposición permanente e sala polivalente para eventos, exposicións temporais e actividades didácticas.
O proxecto non quedou só nos edificios, senón que se levou a cabo tamén unha recuperación medioambiental da contorna exterior dos muíños coa limpeza das beiras do río Xuvia, roza de vexetación invasora e retirada de material orgánico do río acumulado contra o edificio por causa da forza da auga.