O grande artífice dos muíños de Xuvia foi un emprendedor francés chamado Juan Lestache Nugos que naceu na localidade de Vienne, no suroeste de Francia no ano 1742. Xa desde neno traballou na fábrica e comercio de fariñas do seu pai e con 25 anos chegou por vez primeira vez a Ferrol nun barco que transportaba un cargamento de fariñas procedente de Bordeos.
Rapidamente foi consciente das grandes oportunidades de negocio que ofrecía a cidade departamental e decidiu establecerse nela dedicándose ao comercio de cereais e doutros alimentos. Alí tamén atopou o amor e casou con María López Lamas, veciña de Neda, coa que tivo unha extensa prole de catro fillos e tres fillas.
Coas ganancias da súa actividade comercial Lestache deu un paso máis aló. Comprou un bo número de parcelas ás beiras do río Grande de Xuvia, na xurisdición de Narón, e asociouse con outro francés, Francisco Bucau, para construír dous muíños fariñeiros no ano 1775. A sociedade Lestache-Bucau funcionou ata o ano 1786, cando o empresario de Vienne comprou a Bucau a súa parte dos muíños por 300.000 reais, quedando xa como único propietario.

Cando se fala dos muíños de Xuvia sempre se fai referencia a Juan Lestache Nugos, pero hai outra persoa de gran transcendencia que adoita quedar silenciada, trátase da súa muller María López Lamas, unha auténtica adiantada ao seu tempo.
En realidade sabemos pouco da primeira parte da súa vida, agás que era orixinaria de Neda e que casou co empresario francés en 1776, co que tivo catro fillos e tres fillas. Na súa extensa familia tamén hai que incluír outro fillo de solteiro que Lestache tivera en Francia cunha tal María Vizosa. O neno chamábase Juan Lestache Vizosa, foi traído polo seu pai ata Ferrol, criouse no núcleo familiar e despois traballou como muiñeiro na fábrica de fariñas de Xuvia.
Comezamos a saber algo máis de María despois da morte de Lestache en 1802. Nese momento quedaban ela mais os fillos da parella como herdeiros do complexo industrial.
Cinco anos despois, en 1807, María López volveu casar. Desta vez con Antonio García, un home de confianza que fora posto á fronte dos negocios da familia por Ignacio Acha, un dos xenros de Lestache, que estaba casado coa filla maior, Manuela Lestache.
O escándalo estaba servido. Antonio García non só era un mozo moito máis novo ca ela, non chegaba aos 30 anos, senón que ademais pertencía a outra clase social, pois o seu pai era un humilde carpinteiro da periferia da Coruña, quen se sacrificara para darlle estudos e un porvir.
María López, unha das mulleres máis ricas e respectables do país, rachaba así todas as convencións da época e casaba coa oposición aberta dos seus propios fillos, que consideraban o matrimonio unha afronta. A unión supoñía ademais unha humillación para as súas fillas, casadas con tenentes coroneis do exército. Tratábase por tanto dun comportamento rompedor para o seu tempo, que deu a Galicia mulleres de carácter, seguras de si mesmas, como dona Emilia Pardo Bázan.
O Ferrol ao que chegou Juan Lestache en 1767 era unha vila en plena efervescencia. De feito, o século XVIII supuxo o grande incremento do núcleo, primeiro coa concesión da capitalidade do Departamento Naval do Norte de España no ano 1726, e logo coa instalación do Real Arsenal Militar na vila da Graña, que anos máis tarde en 1750, foi traslado á ribeira ferrolá na busca dunha localización con mellores condicións e máis capacidade construtiva.

As industrias reais trouxeron consigo un importante crecemento da poboación á que chegarían militares, enxeñeiros e tamén multitude de traballadores e artesáns para os que se edificaron novos barrios residenciais como o da Magdalena, de trazado ortogonal, seguindo os preceptos ilustrados, ou o de Esteiro, considerado o primeiro barrio obreiro de Galicia.
Atraídos polas expectativas dunha vila en expansión acudiron numerosos comerciantes e mercadores procedentes do resto do Estado, pero tamén franceses, italianos, británicos e holandeses. Algúns, como Lestache, decidiron establecerse en Ferrol e nas localidades da contorna.
En 1775 en Ferrol vivían máis de 30.000 persoas, sendo a cidade máis habitada de Galicia. Na necesidade de alimentar a toda esa poboación, Lestache, soubo ver unha oportunidade e así constrúe, na ribeira do río Xuvia, uns muíños que permitiron abastecer de fariña, e por tanto tamén de pan, non só a Ferrol senón tamén ás localidades da contorna como Pontedeume ou Betanzos. A capacidade produtiva das fábricas era tal que en moitas ocasións o excedente de produción existente posibilitaba a exportación do produto ao estranxeiro, principalmente a América, utilizando bocois estancos de carballo.

A vila de Ferrol e a Terra de Trasancos a finais do século XVIII eran un auténtico fervedoiro de xente procedente de diferentes lugares do reino e do estranxeiro que buscaba fortuna. Moitos viñan na procura de traballo nos arsenais reais e nas industrias auxiliares que foron xurdindo, e outros, como Juan Lestache, chegaron atraídos polas oportunidades comerciais.

Entre os inmigrantes estranxeiros, os franceses constituíron o grupo máis numeroso, favorecidos polo chamado Pacto de Familia asinado por Carlos III e a Francia de Luís XV en 1761. Cara a 1797 rexistrábanse un total de 85 de inmigrantes galos na vila de Ferrol fronte a 40 italianos e 16 portugueses. Foron unha comunidade tremendamente activa e souberon ademais apoiarse uns aos outros establecendo frecuentes alianzas e sociedades.
Entre os máis destacados estiveron Juan Lestache e Francisco Bucau, propietarios da fábrica de fariñas do Xuvia; Santiago Beaujardin e Juan Lembeye, que construíron o muíño das Aceas de Xuvia no Ponto (Narón) ou Mathias Dufoire. Eles crearon unha tupida rede comercial a nivel internacional e unha moderna infraestrutura de muíños fariñeiros nas beiras do río Xuvia e na contorna da vila de Ferrol e da Terra de Trasancos.
Un destes edificios, cuxa construción é atribuída aos franceses, é o singular muíño de vento de San Mateo, na parroquia de San Mateo de Trasancos, hoxe en ruínas, pero que presentaba a clásica torre circular con tellado cónico e xiratorio.
A recuperación dos muíños industriais de Xuvia púidose facer grazas ao monumental traballo do arqueólogo, historiador e arquiveiro do Concello de Narón Andrés Pena Graña. Durante anos revisou toda a documentación sobre Juan Lestache, a súa familia, as fábricas de fariñas e todos os negocios vencellados, dispersa por diferentes arquivos para reconstruír de xeito minucioso a apaixonante historia das industrias fariñeiras do río Xuvia e da historia de Narón.

O volume de documentación estudado por Pena Graña é verdadeiramente impresionante pois inclúe a correspondencia de Lestache, procesos xudiciais e ata inventarios testamentarios, que permiten coñecer datos técnicos tan precisos como o funcionamento dos muíños, a maquinaria empregada, a súa produción por hora e anual, o valor das propiedades e negocios de Lestache ou os intercambios comerciais realizados ao longo de medio mundo.
Pero, ademais, as súas pescudas puideron achegarse á propia historia persoal de Juan Lestache, dos seus descendentes e da súa muller, María López, que removeu as convencións sociais da época ao casar en segundas nupcias, despois da morte do francés, cun mozo moito máis novo ca ela e de orixe humilde.
A investigación plasmouse en diferentes publicacións das cales a máis importante é Industriais e reais fábricas de Narón en tempos da Ilustración editada polo Concello de Narón no ano 2007 e que foi fundamental para levar a cabo a rehabilitación completa dos muíños e o actual proxecto expositivo do CIMIX.