RESERVAS RESERVAS

A contorna

O Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX) localízase na marxe esquerda do río, dentro dunha área natural de gran beleza e valor ecolóxico catalogada como Zona Especial de Conservación (ZEC) Xuvia – Castro, dentro da Rede Natura 2000 da Xunta de Galicia. Este espazo protexido configúrase ao redor da unión dos ríos Grande de Xuvia e Castro, que verten as súas augas na ría de Ferrol. Inclúe tamén a parte montañosa da serra de Forgoselo e abrangue un total de 2.074 hectáreas polos concellos de Narón, Neda, San Sadurniño, Moeche, A Capela, As Somozas e As Pontes.

Río Grande de Xuvia á altura da área Recreativa de Pedroso

Entre os hábitats protexidos máis significativos atópanse os bosques aluviais de freixos e ameneiros, as carballeiras, os bosques de castiñeiro e as turbeiras. O tramo final do río está percorrido pola ruta dos muíños de Narón que atravesa espectaculares bosques de ribeira poboada dunha variada fauna, onde poderemos atopar lontras, salamántigas, ras patilongas e insectos como os cabaliños do demo e os zapateiros. Tamén son comúns destas zonas aves como os picapeixes, merlos rieiros, os ferreiriños e as lavandeiras reais.

Xa na desembocadura do Xuvia é máis frecuente ver varias especies de parrulos como o parrulo real, gansos, garzas, corvos mariños e outros.

Familia de parrulos reais na beira do río de Xuvia.

Nesta zona, na contorna da ponte de Xuvia, Narón conta cun fantástico paseo marítimo apto para camiñar, con espazos para facer deporte, sentar e contemplar a ría de Ferrol.

A finais do século XVIII creáronse nas beiras do río Xuvia toda unha serie de instalacións de tipo industrial que aproveitaban a forza da auga para mover as súas maquinarias e que mudaron totalmente a contorna. Os pioneiros foron Juan Lestache e Francisco Bucau coa construción dos muíños que tiñan en sociedade, pero pouco a pouco foron xurdindo novas iniciativas empresariais e estatais. En 1787 o propio Lestache puxo en funcionamento unha fábrica de papel e unha Real Fábrica de Curtidos en 1793. Aínda hoxe, conservamos interesantes mostras desta actividade industrial.

As Aceas de Xuvia

En 1785 edificouse na contorna outro muíño que utilizaba o mesmo sistema francés de Lestache, pero esta vez utilizando como forza motriz o movemento das mareas. Trátase das denominadas Aceas de Xuvia, situadas no lugar do Ponto, na desembocadura do río Freixeiro. Foi construído en 1785, polo tamén Francés Santiago Beaujardin, asociado co seu compatriota Juan Lembeye, quen quedou como propietario único en 1796 ao disolverse a sociedade. En 1798 Carlos IV expediu unha cédula real pola cal as Aceas se declararon reais fábricas. Na actualidade aínda se conserva o edificio dos muíños, os almacéns, a vivenda e destaca a monumental obra da presa que retiña as mareas para facer mover as súas moas de pedernal.

A cobrería do Xuvia

En 1790 comezaron as obras para a construción na marxe esquerda do Xuvia, en Neda, da Real Fábrica Nacional de Cobrería, para facer pranchas de cobre destinado a forrar as embarcacións que se construían no arsenal de Ferrol. En 1803 botaron a andar as instalacións, pero a súa produción mudou con frecuencia ata 1868, dedicándose á produción de fusís e baionetas durante a Guerra da Independencia, fabricación de moeda, latas de conserva e outra vez pranchas de cobre.

En 1874, Francisco de Barcón e Quevedo comproulle ao Estado as instalacións e converteunas na Sociedad Textil Barcón & Cía dedicada a fiados e tecidos de algodón, chegando a ser a fábrica do seu ramo máis importante de Galicia. Desde 1956 é sede da empresa Galicia Textil, S.A.

A presa do Rei

Para levar a auga ata a cobrería de Xuvia levantouse entre 1791 e 1794 un monumental encoro augas arriba que foi chamado presa do Rei. Esta construción, que aínda se conserva en bo estado, ten trinta e tres metros de lonxitude e nove de altura sobre a canle do río. Na marxe esquerda atópanse os aliviadoiros e a casa de comportas, actualmente en ruínas, desde onde se conducía a auga pola canle de derivación durante uns 900 metros ata a fábrica de cobres.

Na beira do río Xuvia non só temos a oportunidade de visitar o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX), senón que tamén podemos gozar dunha ruta que nos levará a través dunha paisaxe de gran valor natural, histórico e etnográfico. Trátase dun itinerario balizado e sinalizado con paneis interpretativos dos recursos máis importantes e con audioguías dispoñibles nas ligazóns rutas.naron.es e turismo.naron.es

Acceso á ruta desde o teu dispositivo móbil.

Acceso á ruta dos muiños en Wikiloc.

Características da ruta:

  • Tipo de ruta: lineal
  • Distancia: 14 quilómetros
  • Dificultade: media / baixa
  • Desnivel acumulado: 144 m
  • Tempo de realización: 4 horas a pé / 2 horas en bicicleta.

Descripción:

O itinerario comeza no mosteiro de San Martiño de Xuvia, tamén coñecido como mosteiro do Couto, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), un dos cenobios máis importantes do norte de Galicia xa desde o século XII. Xusto por este punto pasa o denominado Camiño Inglés a Santiago de Compostela e comeza a ruta de peregrinación ao santuario de Santo André de Teixido.

Ábsida románica do mosteiro de San Martiño de Xuvia.

Desde alí, camiñando pola beira da ría, o percorrido lévanos ao muíño das Aceas de Xuvia, que usaban de maneira combinada a enerxía das mareas e a corrente do río Freixeiro e foron construídos a finais do século XVIII polos franceses Santiago Beaujardin e Juan Lembeye. A súa represa, moi ben conservada, é unha das máis monumentais de Galicia.

Continúa o camiño bordeando a ría que se vai estreitando cada vez máis, pasando polo paseo marítimo e chegando á ponte de Xuvia, que une as dúas beiras e os concellos de Narón e Neda. Aquí, na aldea de San Roque, atopamos unha impresionante árbore centenaria que figura no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Trátase do magnolio máis antigo de Galicia e un dos máis vellos de Europa, xa que foi plantado en 1795 por Eugenio Izquierdo de Rivera, político, diplomático e artífice da posta en marcha da Real Fábrica Nacional de Cobrería, na marxe esquerda do Xuvia.

Magnolio de Santa Rita ou de Xuvia.

Un pouco máis adiante chegamos ao Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX) e continuamos o camiño río arriba ata chegar á presa do Rei, levantada a finais do século XVIII para abastecer de auga á Real Fábrica Nacional de Cobrería de Neda.

O sendeiro lévanos sempre pola marxe do río, baixo a sombra dun típico bosque de ribeira ata a seguinte parada, o muíño de Entrerríos, situado na confluencia do Xuvia e o río Castro. Trátase dun muíño de maquía levantado en 1929 que estivo en funcionamento ata a década de 1960. Desde aquí, e seguindo xa o curso do río Castro, o camiño conduce á pequena e singular ponte medieval de Pielas, dun só arco e co ancho xusto para pasar un carro.

Ponte de Pielas sobre o río Castro.

Na ponte de Pielas abandonamos o sendeiro fluvial durante un quilómetro para achegarnos ás ruínas da antiga igrexa parroquial de San Lourenzo de Doso, hoxe en día sen culto e en ruínas, pero conservando a maior parte da súa estrutura e o campanario.

Enfiamos xa o último tramo do itinerario para rematar outra vez nas beiras do río Xuvia, na área recreativa de Pedroso con numerosos servizos como mesas e bancos para comer, área de xogos, unha zona de cámping e o muíño de Pedroso ou de Chao edificado en 1800 e actualmente restaurado.

O Camiño Inglés a Santiago, unha ruta de peregrinación con raíces profundas na historia europea, ofrece unha experiencia única e enriquecedora para quen o percorre. Narón eríxese como unha parada esencial: marcado polo fito “NARÓN 100“, que sinala o inicio dos últimos 100 quilómetros cara a Santiago, a nosa cidade acolle peregrinos e peregrinas de todo o mundo, ofrecéndolles un punto de partida cheo de significado.

O CIMIX, a túa parada no Camiño:

O Centro de Interpretación dos Muíños Industriais do Xuvia (CIMIX) é un lugar emblemático da primeira etapa do Camiño Inglés, situado ao lado da ponte do río Xuvia. Aquí, os peregrinos e peregrinas atoparán:

  • Selado de credenciais: O CIMIX ofrece o servizo de selado de credenciais, un recordo imborrable do teu paso por Narón.
  • Información turística: O noso persoal proporcionarache información útil sobre o Camiño, servizos para peregrinos/as e puntos de interese na zona.
  • Un descanso na historia: Aproveita a túa parada para descubrir a rica historia do CIMIX, un antigo muíño industrial que forma parte do patrimonio do Camiño.

Narón, cidade de acollida:

Narón brinda ao peregrino e peregrina todas as comodidades e servizos para unha estancia pracenteira. Goza dunha ampla oferta de aloxamento e restauración, con opcións para cada gusto e necesidade. Deleita o teu padal coa gastronomía local de excelencia, que inclúe produtos como os pementos do Couto e os mariscos da ría. Explora o noso rico patrimonio histórico e natural, onde atoparás lugares emblemáticos como o Mosteiro de San Martiño de Xubia (O Couto), punto de partida cara a Santo André de Teixido; o muíño das Aceas, declarado Real Fábrica de fariñas por Carlos IV; o CIMIX e o muíño de Xuvia; e o Magnolio Centenario de Xuvia.

O teu camiño continúa:

Tras a túa visita ao CIMIX e a Narón, o Camiño Inglés levarate a través de paisaxes de gran beleza e historia ata Santiago de Compostela. Bo Camiño!