RESERVAS RESERVAS

O CIMIX presenta a súa primeira programación especial de actividades

O Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX) presenta a súa primeira programación especial de actividades para os meses de febreiro e marzo, cunha variada oferta de obradoiros dirixidos a todos os públicos. 

A primeira proposta terá lugar o 14 de febreiro, coincidindo co Día dos Namorados. O obradoiro Crebacabezas de Cupido permitirá ás persoas participantes descubrir unha práctica artesanal que se popularizou a comezos do século XVIII: a creación de cartas compactas, un formato no que as mensaxes de amor quedaban ocultas entre as dobreces do papel e os seus elementos decorativos. 

Para festexar o Entroido, os días 28 de febreiro e 1 de marzo organizarase Caras do Muíño, un obradoiro no que as familias poderán crear e decorar as súas propias carautas inspiradas en personaxes históricas vinculadas á orixe do muíño. Descubrirán quen foron estas figuras e cal foi o seu papel no desenvolvemento industrial de Narón.

No marco do Día da Muller, o 9 de marzo, o CIMIX acollerá Muiñeiras, un coloquio no que mulleres da contorna relacionadas coa industria panadeira e muiñeira, compartirán as súas experiencias. Unha oportunidade para reflexionar sobre o papel feminino neste sector nun ambiente próximo e acolledor, acompañado dun café.  

A programación especial pecharase os días 14 e 15 de marzo con Magnolio Xenealóxico, un obradoiro familiar dedicado á elaboración dun agasallo para o Día do Pai. As familias participantes traballarán na creación das súas propias árbores xenealóxicas, ao tempo que reconstruirán a historia da familia Lestache, antiga propietaria do muíño. 

Ademais destas propostas especiais, o CIMIX conta cunha serie de obradoiros habituais cos que afondar na historia, o funcionamento e a relevancia do noso patrimonio fariñeiro e que estarán dispoñibles todos os venres e sábados ás 11:30 h e 18:00 h: Do gran ao pan, Moe que moe, Repicando, e Entre liñas

Todos os obradoiros teñen un custo de 6 € por persoa e requiren reserva previa, que pode formalizarse a través do correo electrónico info@cimixnaron.gal ou chamando ao 624 59 62 26 durante o horario de apertura do centro.