RESERVAS RESERVAS

Celebra connosco o dobre aniversario do Muíño de Xuvia

No CIMIX presentamos a nosa nova programación para os tres últimos meses do ano, unha proposta especial para celebrar o noso primeiro aniversario dende a apertura do Centro de Interpretación e os 250 anos do histórico Muíño de Xuvia.

Para festexar estas datas, organizamos unha serie de actividades pensadas para todas e todos. A última fin de semana de outubro chega “Muíño encantado”, a nosa celebración de Samaín en familia cun xogo interactivo que nos fará percorrer as salas do CIMIX para descubrir as historias máis misteriosas do muíño.

En novembro, o sábado 22, terá lugar “Ecos do muíño”, unha xuntanza veciñal ao pé das moas na que compartiremos co público asistente lembranzas, vivencias e coñecementos sobre a última etapa de funcionamento do muíño.

Xa en decembro, o martes 23, poderemos gozar de “Notas no salón”, un concerto de cámara no antigo salón da vivenda do muíño, recuperando por un día a atmosfera do Nadal do século XVIII.

Ademais destas actividades, incluímos dous novos obradoiros familiares para coñecer en profundidade as rutas de comercio de Juan Lestache, fundador do muíño, que abasteceu de fariña a toda a comarca no século XVIII. E seguirá dispoñible o escape room “Fariña en marcha”, unha experiencia lúdica e interactiva para mergullarnos na historia do muíño.

Xa podedes reservar praza en calquera destas actividades a través da plataforma de descargas desta páxina web.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *