RESERVAS RESERVAS

Queres vivir un verán diferente?

Este verán convidámosvos a vivir o CIMIX dunha maneira diferente a través dunha programación especial de actividades pensadas para descubrir, crear e gozar do patrimonio industrial de Xuvia.

Durante os meses de xullo, agosto e setembro propoñemos novas experiencias para todos os públicos, combinando creatividade, historia e participación nun espazo único como o Muíño de Xuvia.

A programación comezará con Pinceladas e Sabores, unha actividade que terá lugar os días 11 e 12 de xullo, na que poderedes gozar dun almorzo mentres deixades voar a vosa creatividade pintando a paisaxe desde o peirao do muíño.

En agosto chegará a segunda edición de Noite no Muíño, unha visita guiada nocturna que permitirá coñecer o CIMIX baixo unha atmosfera especial, trasladándonos a unha noite de verán no século XVIII. Esta actividade celebrarase todos os sábados de agosto e será necesaria a reserva previa.

Para pechar a programación estival, en setembro propoñemos Viaxe á Ilustración, un xogo de pistas e retos interactivos polo muíño e a súa contorna no que as persoas participantes deberán resolver diferentes enigmas a través dun percorrido dinámico polo pasado da factoría fariñeira.

Ademais destas propostas especiais, durante todo o verán manteremos a nosa programación habitual de visitas guiadas, obradoiros e escape room, para que veciñanza e visitantes poidan seguir descubrindo a historia da familia Lestache e a memoria industrial de Narón.

Se queredes asegurar a vosa praza, xa podedes facer a vosa reserva a través da web cimixnaron.gal, onde atoparedes todos os horarios e modalidades de visita dispoñibles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *