No CIMIX, sumámonos un ano máis á celebración do Día Internacional dos Museos, que terá lugar o vindeiro 18 de maio, cunha programación especial destinada a achegar o patrimonio industrial da contorna á cidadanía a través de visitas e actividades para toda a familia.
Entre as actividades programadas destaca a visita temática O Arsenal do Rei, unha proposta centrada na relación entre os Muíños de Xuvia, a produción industrial e a construción do Arsenal de Ferrol, afondando no papel estratéxico que desempeñou este complexo industrial na historia económica e marítima da comarca.
A programación completarase co obradoiro Fábrica de papel, no que as persoas participantes poderán coñecer de maneira práctica os procesos tradicionais de elaboración do papel mediante a creación do seu propio caderno de papel reciclado, así como co escape room Fariña en marcha, unha actividade de carácter lúdico e colaborativo para descubrir a historia do muíño a través do xogo e a resolución de enigmas. Ao longo da xornada, o museo abre as súas portas de forma extraordinaria e con entrada libre de balde.
As persoas interesadas en participar nas actividades poden consultar toda a información e realizar as súas reservas a través da plataforma de reservas desta páxina web.

