O Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX) súmase ás celebracións do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, co lanzamento dunha actividade especial que pon o foco nunha das figuras máis relevantes e menos recoñecidas da historia industrial galega: María López.
A actividade, titulada María conta, consiste nun percorrido audiguiado deseñado para ser desfrutado esta fin de semana nas instalacións do Muíño. A través de sete estacións sonoras, os visitantes poderán escoitar en primeira persoa o relato de María López, veciña de Neda e muller de Juan Lestache, fundador da fábrica de fariñas de Xuvia.
Este proxecto inmersivo recrea, mediante unha coidada atmosfera de son, o día a día do complexo industrial no século XVIII. A visita percorre os hitos máis relevantes da historia do muíño e da propia biografía de María López, quen tras enviuvar en 1802, non só mantivo a produción da fábrica, senón que tivo a valentía de desafiar as normas sociais da época ao volver casar por amor, enfrontándose ao escándalo para defender a súa liberdade persoal e profesional.
Co lanzamento desta experiencia inmersiva, o CIMIX busca converterse nun espazo de reflexión sobre o papel das mulleres na historia. As persoas interesadas poden formalizar a súa reserva a través da web cimixnaron.gal ou nas propias instalacións do centro durante os días 7 e 8 de marzo.

